sábado, 28 de abril de 2012

A Andrés Muruais


Coma case todos coido
Que non existe parranda,
Verbena, feira ou foliada
Que iguale a festa do entroido.

Festividade da carne,
Do pracer e dos sentidos,
Para que o que estea aburrido
Noutra persoa reencarne.

Vístese de muller
O home feito e dereito
Poñéndose un par de peitos
sen medo á honra perder.

O obreiro é o patrón
E o patrón é o escravo,
E se eu sigo asi non paro
De tanta transmutación.

Con un plato de filloas
E de orellas ben fretidas
Da alma curanse feridas
E esquécense as penas todas.

Pero eu quixera evocar
A memoria dun poeta
Que foi o rei desta festa
E ó que temos que lembrar.

Amou tanto á súa terra
Que o pobo a memoria honroulle,
E unha rúa dedicoulle
Na vila de Pontevedra

Datos xa non douvos máis,
Abofé que o sospeitades
E a sospeita non errades
Pois falo de Muruais.

O Urco foi seu invento
E creou toda unha lenda,
Facendo á vila en ofrenda
O mellor do seu talento.

E moito gostáballe a caza,
Pois andaba coma un can
A facer o pillabán
Piropeando ás rapazas.

 
Mais debido a un mal de peito,
Na flor da súa mocedade,
A morte foi implacable
E levouno ao cadaleito.

A Galicia Literaria
Levantouse en rimas toda
Facendolle unha Corona
De flores moi variadas.

Que de pétalos non eran
Senon que eran de versos,
como o fume do incienso
Para aqueles que os leran.

Fúnebre e triste Corona
Recitada polos coros,
Entre lamentos e choros
Coma os berros da zanfona.

Mais deixounos en herdanza
Unha obra con morriña,
Na que a gaita era a raiña
Cá que se canta e se danza.

¡Cantade, todos, cantade!
Que ainda que finou Andrés,
Beilade e movede os pes
Lembrandoo con saudade.

Hoxe co Urco se inicia
O entroido en Pontevedra
E cando Ravachol se enterra
É o remate da ledicia.

Para a xuventude noviña
Canto esta loa ao poeta
que non é unha saeta
E tampouco é panxoliña.

Non é canción de Nadal
Nin tampouco o é de frades,
Nin de vellas, nin comadres;
E canto de Carnaval.

José M. Ramos 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario